Historia

AS Ninochas

As Ninochas é unha empresa familiar que leva máis de 30 anos facendo roscóns e doces ao xeito tradicional; con sabores auténticos de base artesanal.

De sabor e textura enxebres, os doces das Ninochas son elaborados a partires dunha materia prima básica (fariña, ovos, azucre, manteiga…) sen colorantes nin conservantes engadidos; respectando os tempos de repouso e cocción. Todos eles se elaboran un a un… con moito mimo.

Sempre fieis á filosofía de apostar pola calidade da elaboración artesá, do respecto á tradición e ao legado da nosa historia.

Co agarimo do feito a man… cada doce ao seu tempo.

 

A nosa identidade

Desde sempre, o pequeno obradoiro de repostería artesá “As Ninochas” se mantivo fiel á súa filosofía de apostar pola calidade dos seus produtos. Cada un deles está elaborado con materia prima básica como azucre, fariña, ovos… Sen colorantes, conservantes nin químicos alimenticios.

Elaboramos unha repostería tradicional de sabor auténtico e natural coas receitas máis antigas, nas que se distingue no padal cada un dos ingredientes utilizados na súa preparación.

Para as receitas máis innovadoras e creativas, seguimos exactamente o mesmo patrón de elaboración tradicional: ingredientes de calidade, co agarimo do feito a man, un a un. Cada doce ao seu tempo…

 

A avoa Benigna

A finais dos anos 70, a nosa avoa Benigna rexentaba unha tenda de ultramarinos nunha transitada rúa de Moaña, a nosa vila. Neste mesmo lugar traballa tamén a súa filla, á que todos chaman Ninocha.

Ultramarinos Benigna era unha desas tendas nas que podías atopar de todo, desde unha folla de bacallau… ata unha folla de afeitar!!

A señora Benigna era unha muller esixente e como non se conformaba con pouco, decidiu facer ela mesma os roscóns, pois os que lle ofrecían non eran do seu gusto. Cada venres ao mediodía forneaba cinco barras para abastecer a demanda dos clientes, e así naceu o seu xa famoso “Roscón das Ninochas”.

Foi así que todos os venres a señora Benigna amasaba á man na casa e acudía ao forno veciño para cocer os seus roscóns. Axiña houbo máis demanda, a fama do roscón de Benigna medrou ano tras ano, especialmente durante a Semana Santa (cando máis roscón se consome nos fogares morracenses) e así este produto se converteu no doce protagonista da tenda, aínda que logo virían moitos outros, sempre feitos a partir de receitas antigas e de forma tradicional.

A produción de doces incrementouse e necesitaron un forno propio, co que poder cocer as súas respectivas especialidades: magdalenas, biscoitos, tortas e brazos de xitano “Ninocha”, e empanada de mazá “Benigna”, ademais do seu xa famoso roscón.

Grazas á boa man para os doces de nai e filla, chegou por fin a esperada reforma de Ultramarinos Benigna, converténdose nun pequeno obradoiro de repostería artesá chamado As Ninochas, que segue hoxe en día apostando pola calidade en cada un dos seus produtos, elaborados sempre con ingredientes naturais básicos que se distinguen no padal como os sabores auténticos de antes.